Thursday 02 de May de 2024

A educación ambiental é a protagonista da segunda conferencia do II Foro Pensando en Educación, impartida pola mestra galega Míriam Campos Leirós


O Paraninfo da Universidade da Coruña acolle mañá, martes 26 (19.30 horas), o coloquio impartido pola docente, coordinadora estatal do colectivo Teachers For Future Spain

O Paraninfo da Universidade da Coruña (UDC) abrirá mañáas súas portas á segunda conferencia do II Foro Pensando en Educación, organizado polo Concello e a UDC, e que comezou a súa andaina o pasado mes de marzo coa presenza do expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero.

Este martes 26 (19.30 horas), a protagonista será Míriam Campos Leirós, mestra de Educación Primaria con máis de 20 anos de experiencia e mentora da Rede Galega de Educación Dixital (DixitalGal). Campos, impulsora de proxectos de educación ecosocial, compaxina o seu traballo coa coordinación estatal do colectivo Teachers for Future Spain – Profes Polo Futuro, un colectivo independente de docentes que atenden ao escenario da emerxencia climática actual e promoven accións concretas para achegarse ás novas xeracións nos centros escolares, fomentando a educación ambiental e favorecendo o contacto do alumnado coa natureza.

Á conferencia ‘Educación ecosocial para xerar cidadanía’ asistirán o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín e a Vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña, María del Pilar García de la Torre.

As entradas para asistir ao coloquio, con acceso libre ata completar capacidade, están dispoñibles en Ataquilla.com. Ademais, tamén se emitirá posteriormente, en diferido, a través da canle da Concellería de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego en YouTube.

O II Foro Pensando en Educación péchase coa ministra de Educación Pilar Alegría

A primeira edición do Foro Pensando en Educación contou coas achegas de persoeiros tandestacados como Federico Mayor Zaragoza ou María Teresa Fernández de la Vega. Este ano, e despois da conferencia inaugural de José Luis Rodríguez Zapatero e a segunda de Míriam Campos Leirós, haberá outras tres convocatorias: o 24 de maio, con Marina Echebarría Sáenz, catedrática de Dereito Mercantil na Universidade de Valladolid; o 25 de outubro, con Inma Chacón Gutiérrez, escritora; e, xa o 15 de novembro, con Pilar Alegría Continente, ministra de Educación e Formación Profesional no Goberno de España